O pasado xoves 11 de marzo de 2024, María José Domínguez e Iván Arias tiveron a oportunidade de recibir alumnado do IES Aquas Celenis no proxecto de investigación ESMAS-ES+ (PID2022-137170OB-I00) ao abeiro do programa STEMbach da Universidade de Santiago de Compostela. Durante unha intensa mañá de traballo, explicaron aos investigadores noveis como se poden usar e aplicar recursos e ferramentas dixitais para o tratamento de lingua natural. A organización da equipa de traballo deu lugar á concepción e incluso compilación dalgunha entrada do Dicionario multilingüe de palabras frecuentes, aloxado na plataforma aberta Lexonomy. Para a recolla de datos lexicográficos relativos a cada lema, os investigadores visitantes familiarizáronse con algúns dos múltiples sistemas de información lexical que se dan a coñecer desde o Mestrado Erasmus Mundus en Lexicografía. Xurdiron debates moi interesantes sobre a necesidade de estabelecermos directrices para a elaboración de recursos lexicográficos, sobre a relevancia de traballarmos con criterios ben definidos e uniformes en proxectos colaborativos e sobre a importancia de contrastarmos a información lingüística antes da súa inclusión en dicionarios. Na sesión da tarde, os nosos convidados traballaron con outros membros do grupo de investigación Humboldt baixo a coordinación do Profesor Victor Millet. Nesta quenda, dedicáronse a aprender aspectos fundamentais de linguaxes de marcación como XML e HTML para a posíbel publicación do dicionario en liña. Esperamos ver en aberto no futuro o recurso que naceu neste encontro!