Os días 9 e 10 de outubro de 2025 terá lugar na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (aula B03) o encontro internacional titulado Semantic Annotation, Dictionaries and AI.
O evento, de dous días de duración, reunirá investigadores e investigadoras de Europa e Hispanoamérica para debater os avances máis recentes no ámbito da anotación semántica, da lexicografía e das súas interseccións coa intelixencia artificial.
O programa inclúe relatorios de especialistas como Besim Kabashi (Eberhard Karls Universität Tübingen), Daniel Mora (Pontificia Universidad Católica de Valparaíso), Carlos Valcárcel (Universidade de Vigo), Majo Domínguez (Universidade de Santiago de Compostela) e Idalete da Silva (Universidade do Minho).
Ademais de relatorios temáticos sobre cuestións como a optimización da anotación semántica mediante IA ou a “explicabilidade” dos procedementos automáticos, o congreso ofrece tamén un espazo para unha sesión interactiva en formato workshop, centrada nas conexións entre lexicografía e intelixencia artificial.
De especial valor será o intercambio co novo persoal investigador: doutorandas e doutorandos, estudantes do máster EMLex e membros do consorcio de investigación presentarán os seus proxectos e debaterán cuestións metodolóxicas e teóricas nun diálogo académico aberto.
O congreso está organizado por un comité internacional e enmárcase no proxecto PID2022-137170OB-I00, financiado polo MICIU/AEI e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER/UE).
Con este evento, a Universidade de Santiago de Compostela quere reafirmar o seu compromiso coa colaboración interdisciplinaria entre as humanidades e a tecnoloxía, así como coa promoción dun desenvolvemento sustentable da investigación lexicográfica na era dixital.