Iván Arias-Arias, premio á mellor comunicación en Artes e Humanidades no XII Encontro da Mocidade Investigadora

A semana pasada, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela acolleu o XII Encontro da Mocidade Investigadoraque tivo lugar os días 9 e 10 de xullo. Ao longo de dúas intensas xornadas, estudantes de doutoramento das tres universidades galegas tiveron a oportunidade de presentar os seus traballos de investigación, establecer redes de colaboración e intercambiar experiencias.

Iván Arias-Arias, membro do equipo ESMAS-ES+, participou coa contribución titulada “A representación semántica na frase nominal: anotación e análise desde a linguística de corpus”, na que reflexionou sobre como a anotación semántica en corpus pode contribuír ao coñecemento do comportamento contextual e valencial dos nomes, así como ás súas posibles implicacións lexicográficas. A súa comunicación foi recoñecida co premio á mellor comunicación na área de Artes e Humanidades. Agradecémoslles ás persoas organizadoras o seu esforzo e dedicación.

Longa vida á ciencia moza!