O pasado xoves, 5 de xuño de 2025, tivo lugar na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña unha nova reunión do grupo de investigación ESMAS-ES+, organizada por Elena Martín Cancela. O encontro tivo como finalidade avaliar o camiño percorrido, redefinir as estratexias en curso e coordinar as accións previstas para os próximos meses. A xornada contou coa participación, por videoconferencia, de varios membros do proxecto que non puideron desprazarse fisicamente ata o lugar do encontro.
Baixo o título “Etiquetado semántico en contextos multilingües: retos e perspectivas”, a xornada comezou ás 10:00 horas coa intervención de Majo Domínguez, que abordou os avances e dificultades na etiquetaxe semántica. A continuación, os grupos de traballo analizaron progresos, problemas e novas propostas.
Carlos Valcárcel falou sobre as discordancias na etiquetaxe e o uso da intelixencia artificial, así como das medidas de visibilización do proxecto. Pola súa banda, Daniel Mora presentou un método para o deseño dunha ferramenta de lexibilidade multilingüe e Daniel Bardanca abordou os prototipos de anotación semántico-multilingüe.
Jose Ameijeiras compartiu ideas para o deseño dunha ferramenta orientada a medir o estilo nominal ou verbal e Maite Sanmarco tratou os avances nas publicacións, na web e outras actividades de difusión.
A sesión pechouse cun espazo de traballo colectivo centrado na planificación das futuras accións do grupo ESMAS-ES+.
Foi unha xornada intensa e produtiva, que deixa liñas claras para o futuro inmediato do proxecto.