Durante o mes de xaneiro, a Facultade de Filoloxía da USC celebrou unha nova edición das Xornadas Experiencias Con-Ciencia en Filoloxía, unha proposta de portas abertas pensada para achegar ao alumnado e profesorado de ensino secundario o traballo investigador que se desenvolve en Humanidades. No marco destas xornadas, distintos grupos de investigación recibiron centros de secundaria e organizaron obradoiros prácticos nos que o estudantado puido coñecer metodoloxías, liñas de traballo e dinámicas propias da investigación. O programa incluíu ámbitos e temáticas moi diversos, nun formato participativo e orientado á experiencia directa.
María José Domínguez Vázquez, Iván Arias-Arias e Luke Akinremi puxeron sobre a mesa un tema de máxima actualidade co obradoiro “A brincar coas palabras. Falamos da intelixencia artificial e dos dicionarios?”. A actividade, dirixida ao alumnado de secundaria, xerou un interese notable —e a numerosa participación foi a mellor mostra—, abrindo un espazo para pensar a relación entre IA, lingua e recursos lexicográficos dun xeito accesible, crítico e divertido.
#Filoloxía #IntelixenciaArtificial #Dicionarios #Lingua #Secundaria #DivulgaciónCientífica #HumanidadesDixitais #ExperienciasConCiencia