No día 20 de novembro os membros do equipo Majo Domínguez e Iván Arias presentaron a comunicación Sostibilidade na ciencia: datos lingüísticos para o desenvolvemento de recursos dixitais multilingües ao abeiro das Xornadas Anuais de Converxencias: Tecnoloxía(s) e Dixitalidade(s) organizadas pola Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. A súa comunicación centrouse, en boa parte, en debater o concepto de sostibilidade, entendido no ámbito lexicográfico como unha posibilidade para reutilizar datos lingüísticos xa existentes derivados de proxectos de carácter léxico-semántico para a concepción de novos recursos. Nesta liña, trazaron un percurso polos proxectos Portlex, MultiGenera e MultiComb, para finalmente presentar o punto de partida do proxecto ESMAS-ES+ (PID2022-137170OB-I00). Agradecemos a todas as asistentes a súa participación e as preguntas tan interesantes que nos deixaron, sen dúbida, cavilando sobre outras aproximacións a algúns aspectos centrais do proxecto!