O pasado 9 de maio de 2025 celebrouse na Facultade de Filoloxía da USC a II Xeira CLARIAH-GAL, organizada polo Instituto da Lingua Galega (ILG) e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) como nodo galego de CLARIAH-ES. Esta xornada serve para poñer en contacto proxectos e persoas das Humanidades Dixitais en Galicia.
Nesta edición, Celia Fernández Vasco e Elena Martín-Cancela presentaron un póster sobre o proxecto de etiquetado semántico multilingüe, automático e sostible ESMAS-ES+, que dá continuidade ao dicionario PORTLEX aplicando semántica combinatoria, ontoloxías bottom-up e técnicas de procesamento de linguaxe natural. Presentaron o estado actual da ferramenta, cifrado na elaboración de 3600 paquetes léxicos multilingües e na construción dun corpus Gold Standard paralelo para validar a precisión das anotacións semántico-ontolóxicas, así como a ontoloxía bottom-up deseñada para respectar a singularidade cultural e lingüística de cada idioma. Compartiron tamén os primeiros resultados, moi prometedores, do prototipo de etiquetador automático.
A participación en eventos como a II Xeira CLARIAH-GAL aporta a ESMAS-ES+ unha visibilidade estratéxica e abre vías de colaboración con outros grupos de Humanidades Dixitais. Estes encontros son un espazo ideal para intercambiar ideas, detectar sinerxias e favorecer o intercambio de experiencias e a apertura de novas liñas de financiamento e difusión. Ademais, convida á comunidade investigadora a empregar e ampliar os recursos abertos —paquetes léxicos, ontoloxías e corpus anotados—, contribuíndo a definir un modelo sostible e circular de desenvolvemento de ferramentas semánticas para múltiples idiomas europeos.
En definitiva, a presenza de ESMAS-ES+ a través do poster II XEIRA CLARIAH-GAL reforza o noso compromiso coa innovación en Humanidades Dixitais, subliña a importancia da interoperabilidade e a modularidade das solucións multilingües e consolida a posición de Galicia como referente en proxectos de anotación semántica automática.