Os membros do equipo de ESMAS-ES+ (PID2022-137170OB-I00) Majo Domínguez e Iván Arias formaron ao longo do último ano o alumnado responsábel da realización do Dicionario da Xeración Z, un proxecto lexicográfico desenvolvido no marco dos proxectos STEMbach do Grupo Humboldt da USC e coordinado pola profesora Iria Mariño (IES Plurilingüe Aquis Celenis). A iniciativa, liderada polo alumnado de bacharelato Charlotte del Carmen Cramer Correa, Enma Villaverde Castelo e Iker Fojo Lago, recolle neoloxismos, anglicismos e expresións propias da mocidade galega, moitas delas marcadas pola influencia das redes sociais. O dicionario pode consultarse en aberto nesta ligazón.
Como parte da súa contribución, Majo Domínguez e Iván Arias ofreceron unha formación práctica sobre o uso de Lexonomy, unha ferramenta de edición lexicográfica en liña coa que o estudantado puido construír, cando menos parcialmente, o glosario. A formación tivo como obxectivo principal achegar a tecnoloxía lingüística ao ensino medio e fomentar o traballo colaborativo na creación de recursos lexicográficos innovadores.
🗞️ Pódese ler unha reportaxe completa sobre o proxecto en Praza Pública.
