XX Congreso da Sociedad Española de Italianistas: María Teresa Sanmarco Bande presenta unha comunicación sobre IA e diverxencias semánticas entre italiano, español e galego

XX Congreso da Sociedad Española de Italianistas: María Teresa Sanmarco Bande presenta unha comunicación sobre IA e diverxencias semánticas entre italiano, español e galego

Do 18 ao 20 de novembro de 2025 celebrouse na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Oviedo o XX Congreso da Sociedad Española de Italianistas, titulado Italianidades. Los nuevos retos y las voces del cambio. No marco da área temática «La Filologia Italiana nell’era digitale (digital humanities, intelligenza artificiale…)», a Prof.ª Sanmarco participou cunha comunicación centrada na aplicación da intelixencia artificial á análise contrastiva entre linguas románicas.
A proposta –«L’intelligenza artificiale per l’analisi delle divergenze semantiche tra italiano, spagnolo e gallego a fini lessicografici»– ten como obxectivo estudar, con métodos computacionais, as diferenzas conceptuais e a categorización léxica entre italiano, español e galego. Para iso empréganse algoritmos de word sense disambiguation multilingüe e vectores semánticos, apoiados en corpora paralelos e recursos como BabelNet.
Un dos aspectos centrais do traballo é a detección de casos nos que unha lingua distingue conceptos que outra agrupa baixo un único lema. O exemplo clásico que se propón é o de pesce (italiano) e peixe (galego), que se corresponden en castelán con dous termos diferentes: pez (animal vivo) e pescado (alimento). A partir dun inventario unificado de conceptos, a IA pode indicar cantos e cales lemas existen en cada lingua e sinalar desaxustes ou baleiros de equivalencia directa.
Os resultados desta liña de investigación teñen aplicación directa na mellora da lexicografía bilingüe e multilingüe (ao advertir daqueles casos que requiren perífrases ou explicacións adicionais), na práctica profesional da tradución e nos sistemas de tradución automática, que deben tratar conceptos sen correspondencia un a un. En termos máis amplos, a análise das diverxencias semánticas contribúe tamén a afondar na comprensión das diferenzas cognitivas e culturais que se reflicten no léxico e abre a porta ao deseño de interfaces capaces de avisar de posibles ambigüidades ou malentendidos na tradución de determinadas palabras.