O pasado 29 de maio de 2026 celebrouse no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela a III Xeira CLARIAH-GAL, unha xornada dedicada ás Humanidades Dixitais e ás tecnoloxías lingüísticas aplicadas á investigación en Humanidades e Ciencias Sociais.
A iniciativa, promovida por CLARIAH-GAL, o nodo galego de CLARIAH-ES, reuniu investigadoras e investigadores de diferentes institucións co obxectivo de compartir proxectos, recursos e metodoloxías relacionadas co desenvolvemento de infraestruturas dixitais para a investigación, favorecendo o intercambio de coñecemento e a creación de redes de colaboración.
No marco desta edición, membros do proxecto ESMAS-ES+ presentaron dous pósteres que amosan diferentes liñas de traballo desenvolvidas polo grupo no ámbito da lexicografía, a anotación semántica e a transferencia do coñecemento cara á aprendizaxe.

O primeiro dos traballos presentados, elaborado por Luke Omoyemi Akinremi, Iván Arias-Arias e María José Domínguez Vázquez, abordou o potencial pedagóxico derivado da interoperabilidade entre os recursos desenvolvidos no ecosistema PortLex .
O póster analiza como a conexión entre diferentes ferramentas e recursos lexicográficos permite superar a tradicional separación entre investigación e didáctica, transformando datos científicos validados en contornos de aprendizaxe dinámicose reutilizables. A proposta presenta a chamada Rede Dinámica PortLex, integrada por recursos como PortLex, Ontoloxía 2.0, Itinerarios ESMAS-ES+, Xera, Combinatoria, o Portal ESMAS-ES+ e LexiEval-DE, todos eles conectados mediante esquemas de datos compartidos e mecanismos de interoperabilidade.
A contribución destaca cinco potencialidades pedagóxicas principais: a redución da carga cognitiva, a exploración indutiva de patróns lingüísticos, a andamiaxe metalingüística, a análise contrastiva e a práctica interactiva. Así mesmo, subliña o papel da interoperabilidade non só como solución técnica, senón tamén como principio pedagóxico capaz de ampliar as posibilidades de aprendizaxe e favorecer a transferencia dos resultados da investigación á aula.
O galego no proxecto ESMAS-ES+: retos e oportunidades para a anotación semántica
O segundo póster, presentado por Iván Arias-Arias, Vítor Míguez Rego, Lola Mosquera Sánchez e María Teresa Sanmarco Bande, centrouse no papel do galego dentro do proxecto ESMAS-ES+.
A contribución analiza os desafíos e oportunidades que presenta a incorporación do galego a unha arquitectura semántico-ontolóxica multilingüe. Lonxe de ser simplemente unha lingua adicional dentro do sistema, o galego convértese nun banco de probas especialmente valioso para validar a robustez da ontoloxía compartida, detectar lagoas nos paquetes léxicos existentes e refinar os criterios de anotación.

O traballo identifica diferentes fenómenos relevantes para a anotación multilingüe, entre eles o tratamento de nomes abstractos e encapsuladores, as diferenzas estruturais entre compostos alemáns e construcións románicas, ou os problemas derivados da polisemia e da desambiguación contextual. Os resultados mostran como a análise dos datos galegos contribúe ao desenvolvemento dun sistema máis preciso, sostible e sensibl
e á diversidade lingüística.
A participación na III Xeira CLARIAH-GAL permitiu dar a coñecer os avances recentes do proxecto e reforzar a presenza de ESMAS-ES+ nos espazos de encontro dedicados ás Humanidades Dixitais, á lexicografía computacional e ás tecnoloxías da linguaxe, consolidando o compromiso do grupo coa creación de recursos interoperables, sostibles e orientados tanto á investigación como á transferencia do coñecemento.