EMLex Wiktionary Hackfest 2026: todas as persoas, todas as palabras

O 20 de novembro celebrouse na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, no campus de Pontevedra, unha nova edición do EMLex Wiktionary Hackfest, organizado polo Máster Erasmus Mundus en Lexicografía (EMLex) coa colaboración das universidades de Santiago de Compostela, Vigo e Minho. Baixo o lema «Todas as persoas, todas as palabras», a xornada reuniu estudantes e docentes do EMLex, editores do Wiktionary e outras persoas interesadas cunha meta común: que o galego teña máis palabras no Wiktionary.


A xornada arrincou coa palestra «From Lexicographic Entries to Intelligent Dictionaries: Practical Applications of AI in Collaborative Lexicography», a cargo de María José Domínguez Vázquez (USC) e Iván Arias-Arias (USAL). A mensaxe central serviu de punto de partida para todo o día: a intelixencia artificial imita moi ben a forma dunha entrada de dicionario, pero non garante a súa calidade. Pode axudar a xerar, estruturar e enriquecer contidos, mais a última palabra ten que ser humana. E aí é onde un proxecto como o Wiktionary, con historial de versións, debate aberto e unha comunidade que revisa e corrixe, ten moito que ensinar ás máquinas.

Con algunhas pautas básicas de edición no Wiktionary, chegou o momento de pasar da teoría á práctica.

Con portátiles abertos e en equipos mesturados, as persoas participantes crearon entradas novas, completaron as existentes e engadiron exemplos e traducións. Ao final do día, cada equipo presentou o que conseguira.

Grazas a todas as persoas que fixeron posible esta edición. Para o ano, máis palabras!